En total, adóitase considerar hoxe celtas sete nacións atlánticas —Irlanda, Illa de Man, Escocia, País de Gales, Cornualle, Bretaña e Galicia. Supoñemos que Avelino Díaz referíase a estes mesmos países nos seus versos do poema “Romance das sete casas”, o último sendo o seu lugar de nacemento, a súa “casa”. Usando metáforas coma esta e vocabulario de orixes ou evocacións celtas en varios dos poemas do seu libro Debezos subscribía unha tradición celtista do galeguismo na súa escritura. Antes de analizar os exemplos que encontramos queremos prover unhas bases sobre quen son os celtas, que é o celtismo e como se presentou o celtismo galego.
Os celtas eran un pobo indoxermánico cuxas primeiras migracións datan dos tempos prehistóricos. Iniciaron a súa expansión por Europa Central (Suíza, Francia e o territorio
belga) en torno ao século XX a.C. e posteriormente, chegan até as Galias, a península ibérica e as Illas Británicas (López Castro, 2003). No tocante ás orixes, os pobos celtas xa tiñan unha longa evolución tras de si cando foron recoñecidos polos gregos e etruscos. Así pois, a pertenza destas tribos célticas a grupos étnicos da cultura bárbara europea está asegurada dende xa hai tempo, aínda que non é doado precisar a data exacta. Deste xeito, as orixes dos celtas resultan un pouco difusas, cando non escuras, sobre todo antes da Idade de Ferro, xa que só se poden supor a partir de hipóteses. En Galicia acontece un caso de especial mención, no relativo ás idades históricas, xa que acabada esta etapa, non vénlle a Idade do Bronce, como no resto de Europa, senón que xorde a denominada cultura castrexa
(López Castro, 2003).
En xeral, podemos supor a existencia dunha abundante literatura oral e, na actualidade, abemos que coñecían a escritura xa que deixaron exemplo disto en documentos epigráficos e outros textos, hoxe perdidos, dos que se ten constancia.
Esta tradición oral celta foi recollida polos monxes da igrexa célticoirlandesa que os compilaron xusto despois de se converteren ao cristianismo. Todos estes relatos forman o Leabhar Gabhala, tamén coñecido como o Libro das invasións de Irlanda. Nunha destas narracións fálase da figura de Breogán, un rei celta galego, que manda construír unha Torre ou Faro en Brigantia (probablemente A Coruña), dende onde se vían as costas de Eire e alenta ao seu fillo Milé a conquistar esas terras (Tejera Soengas, s. d). As orixes desta personaxe están a medio camiño entre a lenda, o mito e a realidade, do que foi o pai de Galicia, a illa de Eire e Alba (Irlanda e Gran Bretaña). A sociedade celta sábese que estaba organizada en tres estratos: druídas, nobres e o resto do grupo, que varios autores teñen relacionado coa clasificación platónica na República: os sabios, os guerreiros e os produtores de riqueza. Os druídas eran as figuras con maior poder e influencia, sabían ler e escribir en grego e latín, pero non recolleron a potente literatura oral do seu pobo, xa que lles servía como unha estratexia mnemotécnica, a través da cal fixaban os detalles das historias nas súas memorias (Rodríguez Leirado, s. d.).